O recuncho de Antonio Vidal
Éramos nenos
Meu neno: éramos nenos,
dous neniños pequenos, ledizosos,
engatuñando polo galiñeiro
a brincas escondidos entre a palla.
Remedábamos aos galos
cando pasaba a xente:
-kikiriki_ todos coidaban
que aquil cantar era de certo.
As tullas do palleiro
afermosábamos con froles
e alá dentro morábamos xuntiños
coma nun fogar garimoso.
O vello gato do veciño
viña a visitarnos a miudo
e nós facíamoslle garanduxas,
reverenzas e cumpridos,
preguntándollepola súa saúde
con aquelada fineza;
e dende entón o mesmo temos dito
a moitos gatos vellos.
Outras veces remedábamos ós homes
xuiciosos e graves,
laiando que as mellores cousas
non fosen destes tempos;
que o amor, a lealtade, a fe
houberan xa fuxido do mundo;
que a vida estivera tan desarranxada
que o diñeiro andivera tan escaso.
Pasaron xa os xogos da nosa infanza
-todo ten pasado-
pasou o diñeiro, e o mundo, e os tempos,
e a fe, e o amor, e a lealtade.
Musa alemá (1951)
Celso Emilio Ferreiro (1912-1979)
Celso Emilio Ferreiro (1912-1979)
As fotografías de Antonio Vidal ilustran as verbas de Henrich Heine que Celso Emiio recuperou para o galego.
Comentarios