Outono

Vai no vento un morno respirar pausado que ondula
as seivas lentas dos campos e purifica a luz interior das
sombras.
Oh delicada asa de quietude no centro desta paz
onde latexa un doce corazón de auséncia.
Un embriagado canto de cores demoradas devala
para a morte unha feliz estáncia de músicas levísimas.
Qué ritmo tan adentro da suave claridade do tempo
sobre as douradas do sul.
Vai-se espindo a figura luminosa das árvores e a
lembranza é unha foula de brillos embaciados na
névoa.
Un viño de fogo aveludado arde nos ocos brancos
da paisaxe e entra no ser unha húmida sombra de
alegría.
O vidro roxeado do horizonte é unha vindima de luz
que desce pousadamente nos ollos.


Entre Água e Fogo
M. A. Fernán-Vello
l
Fotografía de ©Emilio Blanco


Comentarios

Publicacións populares