Un tranvía chamado Urania
En lembranza de Urania Mella, detida en 1936 e condenada a morte xunto ao seu marido, o socialista e directivo Humberto Solleiro, que foi fusilado deixando catro fillos. Tras longos anos de cárcere, Urania estbleceuse precariamente en Lugo, onde axiña faleceu en 1945.
A Ricardo Mella, teórico anarquista e promotor do servicio de tranvíasen Vigo, e a toda a súa proxenie.
Virá a utopía e terá o teu nome.
Será filla da agulla de coser
e do pensar máis libre, coma ti
e os teus fillos, Urania Mella.
Viñeches da anarquía e da rede tranviaria,
liña Pereiró-Calvario, pasando por Travesas,
liña Bouzas-Os Caños, deténdose en Peniche,
cando Vigo era tranvía total cara á Utopía,
da Ribeira de Cabral, atravesando Urzáiz,
do Mercado a Chapela, indo pola Riouxa.
Pero aquela Utopía non pasou de Redondela.
Viñas de Vigo e de Ricardo Mella,
musa libertaria astronomía,
tocando contra a guerra e o fascismo
no teu piano de paz, pan e solfexo.
Con Humberto Solleiro no Calvario
e a Pequena Rusia en catenaria
da república veciñal de Lavadores
fuches derrota en desigual batalla.
En Lugo,
tras o cárcere infinito,
só puideches ver a luz
de coller puntos ás medias
por estreitísimas carreiras
diminutas,
antes de morrer
punto
por
punto.
Pero polas murallas dos milenios,
cara á nosa Utopía irreversible,
pasa cada noite un tranvía libre
que se chama Urania Mella.
Ámote vermella
Claudio Rodríguez Fer
Comentarios