Saltar ao contido principal
Carlos Maside González
Xa daquela sabíamos que era un grande artista. O seu estudo, como noutrora, volta a ser escenario dos nosos longos coloquios. Uns intres de ilusión, de espellismo cronolóxico. Todo está o mesmo que antes. Os mesmos personaxes, a mesma escena. Aquí tense relanzado o tempo. Estamos fluíndo -¡momentos sin comparanza!- o feitizo retrospetivo. O onte concreto, preciso, brinca diante de nós; apreixámolo... A quente ollada dos interlocutores denota o prodixio.
Despois -grande festa pra os ollos e pra o esprito-, o artista vainos amostrando os seus derradeiros cadros. Bodegóns, interiores, retratos... Non podemos menos de establecer unha correspondencia antre o seu discurso e as súas obras. Un e outra manifestan a súa personalidade. Cada un destes cadros é tamén unha proposición firme e ben fundamentada. O rosto do artista, forte e rexo, sírvenos de "tertius comparationis". Veleiquí -pensamos- unha pintura ben construída, exemplarmente honesta, insolitamente nobre... Unha cociña de aldea, unhas peixeiras, uns campesiños sesteando... Imos contemplando, con pausada deleitación, os magníficos cadros. Cada un é un máxico recinto onde cantan a liña e a cor; un conciso feitizo carregado de suxestións. Espléndido madurecimento. Unha agasallosa mañán do onte é o groriosomeiodía de hoxe. Pasaron catro horas nun voo.
Ánxel Fole
Cartafolio galego
Prensa & Criación
A Nosa Terra
Vigo
1996
Pinturas de Carlos Maside
Comentarios