¿Ti que sabes...?

¿Ti que sabes dos milleiros de horas,
dos séculos que fixeron falla
pra que os teus seos soporten agora a luz
nun equilibrio perfecto,
pra que iluminen esta milagrosa estancia?

¿Ese gran esforzo de infinitos instantes
pra pulir o marfín das túas coxas
e para que a túa frente
poida ser coroada polas rosas?

Millares de días e de noites
para que o seixo dos teus pés
sexa case lenes alas.
Pra que a túa voz non pese no aire,
cántas ferramentas se teñen cegado.
Cántos silencios
pra que agora poidan as túas maos
cortar unha rosa na noite.
Cánto tempo ollando ó ceo e á terra,
cántas olladas perdidas
pra que agora
poidas bagoar docemente.



Sombra do aire na herba
Luís Pimentel


Fotografía de ©Roque Soto

Comentarios

Publicacións populares