Coma unha poldra

recoñecinvos no bico dos outeiros
polo recendo a cadeiras renovadas das illas
e as sandías internas encarnadas na boira.

aínda non sei quén sodes, non  vos coñezo,
e zumbaríavos pracer desde os meus ubres.

si tivesemos regueiros e cabalos salvaxes
transitando por calugas violetas e serodias,
bébedas de luzadas moi íntimas,
faríavo-lo amor no xadín flotante do mar
coma unha poldra no lombo das canoas.

non quero saber quén sodes,
nin coñecervos.


Olga Novo

Fotografía de © Yulia Gorodinski


Comentarios

Publicacións populares