Jazz

Entre a transparencia e o azul,
tecendo as sílabas íntimas do tempo
e a respiración secreta da choiva.
Perfil de cervo e obradoiro de espellos,
esa ebriedade que alimenta a tristura
coa cor violácea da seda
e a suave cinza do recordo.
E se regresa a dor regresa como un sopro
e roza a raíz oblicua do fogo,
a febre demorada da noite.
País da lenta saudade e da dobre tenrura,
as brisas traen un astro húmido
e soa o timbre desolado da eternidade.
Vellas e onduladas razóns
para sentir o vidro do outono no sangue,
para medir a extensión da nostalxia.
Como o despertar do corpo
entre a sombra e a sorpresa,
como un imán que atrae a luz dos soños.
Velaí a fábrica dunha lámina que treme
ao contacto coa pel,
un abismo en marcha
que precipita a dozura das bágoas.
Velaí o instante que repasa o ritmo intocábel do asombro,
a voz que se alza na súa queimadura de orballo.
Formas para que se incruste branquísimo o silencio,
para que a arxila reciba o sabor extremo dos xemidos,
o alento e os seus labirintos
que doen ávidos de nacemento e de chama.
Vai penetrando a néboa unha estrofa esgazada
pola melancolía,
e derrétese un río de soidade que canta,
nai profunda a chorar no mel escuro da ausencia.
A vida,
que se detén aquí
cando a melodía
pulveriza
o crepúsculo.


Dicionario do estremecemento 
Miguel Anxo Fernán-Vello


Jazz en Streckstrumf I 
Pintura de © Virxilio




Comentarios

Publicacións populares