Mentres o sol ardente

queima impetuoso o teu rostro
que tratas de protexer coas túas mans.


Mentres a area
queima os teus pés nus
que afunden os seus pasos
coa esperanza de deixar pegada
dunha historia infinita.


Mentres o cántaro ateigado de auga
curva as túas costas pero non o teu corazón,
desexoso de apagar a sede
dos que amas.


Mentres o teu ventre
esconde, nutre e protexe
o enésimo froito do teu anhelo,
dun amor máis verdadeiro e humano...


Outros, estraños e afastados a ti,
ao teu mundo e aos teus problemas,
que nunca te viron
nin saben quen es...


Outros fan programas
para dirixir o teu futuro
e deciden segundo os seus esquemas
como e cando terás que ser nai.


Outros, usurpando o teu dereito de palabra,
pensamento e opinión,
codifican segundo os seus intereses o teu silencio,
pisan a túa dignidade de muller
e ignoran o teu privilexio
de Nai da Humanidade.


Entón,
mentres o sol ardente
queima impetuoso o teu rostro,
unha forza nova náceche dentro
e empúrrate a presurar o paso
para dar vida ao teu sono milenario
de xustiza e liberación.


Elisa Kidané

Texto recollido polo Equipo Fénix

Pinturas de © Maria Naita




Comentarios

Publicacións populares