TIRADO DA IALMA INXEL
Bébeda
Rosalía
quen me dera
ter nacido nunha aldea
do Courel
a medir aqueles cumes pura liña
puro amor
solsticio do meu inverno
cun ramallo da tardiña
cun fío desvencellado
tirado da ialma inxel
medida do seu salaio.
Que me dera
beirear a lonxanía rocha pura
bébeda no leixamento da lentura
no tempo desaxeitado
nun infindo desleigado
e virar voltar volver
beber o Lor
puro laio
bico a bico
beixo a beixo
buxo a buxo
labio a labio
a beber a beberaxe
beizo a beizo
laxe a laxe
da paisaxe
do Courel.
Concerto de outono
Luz Pozo Garza
Fotografías feitas no Courel por ©Emilio Blanco
Comentarios