Aldea abandonada

Un plástico verde lavado pola choiva
brilla entre as pedras
que teñen a cor dun século
borrado na memoria .
A sombra dun arame
golpea negra no silencio
que arrecende a humidade de fume
cando devala a tarde.

Caen o sol das eiras
abrindo fendas de tristura nos ollos da nai
que vía medrar as mañás
atando no pensamento un fío de nostalxia.

Había unha beleza na lentitude das horas
como un río secreto rozando o corpo
cunha luz de frescura.

A penumbra 
ten un perfil agora de latas oxidadas,
un corazón de ortigas,
abandonados vultos
que devora a desolación.

E cando a noite vence os muros,
e disolve o eco de esperanzas pasadas,
un ar de morte bebe na negrura
e o frío morde a pel
antes de respirar o mundo.



Territorio da desaparición
Miguel Anxo Fernán Vello

Fotografías de © Roque Soto

Comentarios

Publicacións populares