Quinta do Xordo

Soñando que soñaba atopeime 
á beira dun estraño personaxe, 
un vello entre o Capricho e o Desastre 
fundido a unha paleta e a un pincel. 

Pintaba, ensimesmado, na parede 
un fresco cos tolos máis infames 
revoltos nun sórdido aquelarre 
a modo de ensalada Baudelaire. 

Quinta do Xordo, 
casa de tolos, 
o Soño da Razón 
produce monstros. 

No medio da insólita reunión 
batíase o da Triste Figura 
en duelo contra un órgano que Schumann 
tocaba coa orella de Van Gogh. 

Bailaba xunto ao lume Maldoror 
un vals con Luís II de Baviera 
debaixo dos pétalos que Ofelia 
regaba desde un éxtase de Artaud. 

Sufría unha iluminación Rimbaud 
e nela aparecíaselle Hamlet 
montado a lombos do Marqués de Sade 
tirado por Calígula e Nerón. 

Atada polo Capitán Ahab 
deixábase violar Juana a Tola 
por Hölderlin e Nietzche en plena euforia, 
un pouco máis aló do ben e o mal. 

Transido por aquela bacanal 
de reis, criminais e poetas 
caín desvanecido na quimera 
do outro lado da realidade. 

De súpeto aquela orxía esfumouse 
e ao espertar vinme mirando a Goya 
durmido baixo o Reino das Sombras 
do soño que soñaba a miña razón.


Nudo
Luis Eduardo Aute

Fotografía de © Roque Soto





Comentarios

Publicacións populares