EMILIO BLANCO E AS CORES DA AUGA

 Vilas literarias: Quiroga 


Emilio Blanco e as cores da auga

X. Pérez Mondelo

Emilio Blanco é un excelente fotógrafo da natureza, un cazador oculto da beleza das augas e dos bosques, un gardián da súa luz. Seu amigo o xornalista quirogués Roque Soto, outro cazador de soños e autor deste luminoso blog ou revista visual no que con frecuencia aparecen tantas fotos de Emilio, cóntanos que "a gran paixón do fotógrafo de San Clodio é camiñar por bosques, por ríos, por vales e montañas, por praias e cantís... para buscar coa paciencia dun cazador do Neolítico a peza axeitada para dispararlle coa súa cámara, quizais cumprindo un rito ancestral de conservación, pois os seus enfoques van dirixidos ao corazón da natureza".  Mais non para ferila, antes ben para salvala. Non para mancala nin desecala, sí para deixala fluír no seu andar de soño e tempo. De aí quizais ese seu afán de fotografar a auga, coas súas cores infinitas e o seu rostro de cristal. 


Segue contándonos Roque que "á parte da fotografía, a música e a literatura son as súas outras grandes paixóns. É un gran amante de Salinger, esoutro atrapa-corazóns, de Patrick Modiano, o singular autor de 'No café da xuventude perdida', e tamén de Cunqueiro, o fabulador da fraga de Esmelle".  E engade que Emilio Blanco é ademais un gran conversador, fiel á fala das aguias dos cumes e dos ouriolos dos soutos, das neves e das nubes, a mesma fala na que sempre falaron os vellos petrucios.  A fala dos avós que temos mortos...  que cantou poeta. De novo en palabras de Roque, "Milucho ademais de gran conversador e gran lector, sente un amor moi fondo pola música, sendo noutrora baterista e percusionista en distintos grupos  da redonda (en San Clodio, de sempre fértil en bandas musicais) e tamén pinchadiscos nas fins de semana na discoteca e os pubs de San Martiño. Amante do jazz, do rock da costa Oeste e da nosa música popular".  Desde hai uns trinta anos fóra de Galicia, Emilio Blanco desenvolveu traballos diversos no ámbito da construción e reforma de vivendas, sendo mesmo empregado de autopistas e  noutros oficios varios. Un autentico self man. Un rapaz rexo e delicado como as xentes do seu pobo, que decote leva na memoria. 


Mais desta volta queriamos só salientar o seu traballo fotográfico, de inquedo camiñante e cazador de paisaxes, sempre cunha cámara á man. Das paisaxes dos distintos lugares que visita mundo adiante e das de máis perto, aquelas  que alcanza a nosa ollada e que aproveita para retratar nas súas escapadas desde Lleida,  onde vive,  en canto se ve libre dos quefaceres e obrigas cotiás. Un tempo de vagar para percorrer as beiras dos ríos e a ampla serra, desde o Pía Paxaro até a Moá, desde o Formigueiros até a Rocaboa, o Cerengo e a de Auga Levada. Para andar e fotografar toda Galicia, o amado país dos mil ríos. As súas augas. Todas as fervenzas. 


Non coñezo a Emilio, só as súas fotografías, que é unha grata forma de coñecemento e proximidade. Todo o que vos contei, xa vos digo que mo contou o seu amigo Roque, que non mente. Como non menten as fotografías que vén publicando neste seu blog 'En busca da cagalla do lagarto' e que podemos ver ademais nunha das páxinas de máis sona sobre a fotografía da natureza: fotonatura.org. Dúas plataformas que temos ao noso alcance, para o noso disfrute. Só con clicarmos enriba ábrense para nós engaiolantes fiestras de luz.  




Comentarios

Publicacións populares