Protéxeme, crepúsculo
Protéxeme, crepúsculo,
lugar dos meus exvotos,
humilde acudo ao sol en rogativa.
Ás voltas coas andadas,
buscar na infancia
o tesouro do mapa oculto baixo as pedras.
En min sempre levita Lola ingrávida,
cun acompañamento sonoro de pardais,
seu perfil en realce pola extrema.
Sibila en Ribadavia, chambra moura,
Bendita sexa a que esmagaba os acios
para facer o viño como se fose a luz,
¡canto amor aínda move!
Nesta hora, amparada a poñente,
peregrino ata o mundo amatista das viñas:
é que nada se entenderá de todo
se antes non regreso ao punto de partida.
Non me permite a morte
alcanzar o recamo por onde Lola asoma
como un doce debuxo de Chagall.
Elexía a Lola
Comentarios