O indio máis duro do mundo


Sherman Alexie (1966) é un dos escritores estadounidenses que se move como peixe na auga en diferentes xéneros, poesía e narrativa, sobre todo, pero que tampouco lle fai noxos á sétima arte con inspirados guións que serviron para montar varias películas. Pertencente á etnia spokane/coeur d'alene, Alexie despáchase a gusto con varios relatos reunidos baixTo o título The Toughest Indian in the World (Paperback, 2000). Digo despáchase a gusto porque reencóntrase co punto de partida da súa obra narrativa, o conto, caracterizada por un humor desbordante, non exento de lirismo, como ocorre nesta colección de nove narracións curtas.




Alexie rompeu desde os seus comezos literarios coa tradición de tachar ao indio norteamericano como un ser alienado, triste e tráxico. Así, polas páxinas do indio máis duro do mundo transitan personaxes que en lugar de estar afundidos na marxinalidade navegan con pericia por profesións liberais, propias das clases media e alta de Estados Unidos. Xentes que teñen tempo para namorarse, divertirse, preocuparse polo día a día ou protagonizar situacións que non deixan indiferente ao lector. Como di Joyce Carol Oates: Alexie é unha voz posmoderna, divertida, irreverente, sardónica pero sentimental. Alexie é o rebelde entre os seus maiores, socarrón, imprevisible que se burla de si mesmo e que nos lembra ao mozo Philip Roth.



Comentarios

Publicacións populares