Capas
Love
Portada: Bob Pepper
Este disco da mítica banda Love constitúe unha das apreciadas gravacións da colleita de 1967, en especial do ámbito do rock. Desde Os Ánxeles, Arthur Lee (1945-2006) e o seu grupo consolidáronse para a posteridade cun dos álbums máis apreciados de todos os tempos, aínda que nel se resumen os diferentes estilos que Love practicou durante a súa curta pero interesante vida artística. Psicodelia, guitarras hendrixianas, folk-rock, rock de garaxe, baladas sublimes, acertada combinación de orquestra con guitarras acústicas e pasaxes con trompetas mexicanas omnipresentes, contribuíron a realzar a música que na segunda metade dos sesenta se practicaba en California. Love, na transcendencia de, por exemplo, Beachs Boys, The Byrds, The Doors, Moby Grape, Frank Zappa and The Mothers of Invention, Jefferson Airplane ou Greateful Dead, deixaron un legado inesquecible en cancións como “Alone Again”, “A House Is Not Motel”, “Andmoreagain” e nas sete posteriores. Todas conteñen atractivos suficientes como para encandear a diferentes xeracións que ven neste disco a proba de inspiración dun grupo de mozos que utilizaban a música para dar saída ás súas esperanzas e frustracións. En 2003, Arthur Lee realizou unha xira por Europa que serviu para a gravación de Forever Chages: Live. A portada do disco é obra de Bob Pepper.
Comentarios