Capas
In The Court Of The Crimson King (Island, 1969). Primeiro disco do grupo británico King Crimson, espléndida formación de referencia do mellor rock progresivo que se practicaba no Reino Unido a finais dos anos sesenta. Baixo o liderado do aplicado e inquieto guitarrista Robert Fripp, a banda coidaba os textos das súas cancións, ademais de contar con virtuosos músicos que co paso do tempo irían deixando a súa pegada noutras bandas fundamentais do rock de diferentes décadas. Vangardismo, música clásica, jazz e rock combinábanse en A corte do rey carmesí, onde a primeira composición non deixaba indiferente pola súa intensidade, “21 st Century Schizoid Man”, unha peza de texto anticipatorio moi na liña de determinada literatura inglesa, pero co fondo dunha música enlouquecida na que cada instrumento adquiría un protagonismo case inédito no mundo do rock. Tras esta entrada viña a calma con catro longas composicións de tempo lento, algunhas das cales quedaron como clásicas do rock progresivo, onde os teclados tiñan un amplo protagonismo, como se pode apreciar na canción que dá título ao elepé. “Talk To The Wind”, “Epitaph, “Moonchild” e “The Court Of The Crimson King”, catro fitos inamovibles do primeiro rock progresivo. A carpeta do disco, toda unha icona do rock, acolle os debuxos da portada e do interior realizados por Barry Godber.
Composicións: “21 st Century Schizoid Man”, “Talk To The Wind”, “Epitaph”, “Moonchild” e “The Court Of The Crimson King”.
Músicos: Robert Fripp (guitarra), Ian McDonald (ventos, campás, teclados, melotrón e voces), Greg Lake (baixo e voces), Michel Giles (batería e voces) e Peter Sinfield (letras e iluminación).
Otras portadas: In The Wake Of Poseidon (1970), Lizard (1970), Islands (1971), Lark’s Tongue In Aspic (1973), Starlessand Bible Black (1974), Red (1974), Live (1975), Discipline (1981), Beat (1982) e Three Of A Perfect Pair (1984).
Comentarios