Derradeira noite do mundo

Dixémolo xa: en Madrid non hai incógnito; de Madrid non poden escribirse misterios. O círculo da sociedade que se axita e se move é farto reducido para que tódolos que xiran nel non se coñezan antes dun ano. A concorrencia do Prado, os teatros, a do Parlamento, ata da Bolsa, é a mesma sempre. Ós poucos meses o farasteiro familiarizouse cos mesmos rostros, e en calquera reunión recoñece ós seus colaterais por grupos, cando non por individuos. Ó subir pola escaleira de Villahermosa énos doado botar ver polo traxe, pola voz, polo ademán, polos ollos, pola compañía, ás veces polo olor dos seus perfumes, qué persoas soben ó noso carón. Xa comezan alí bromas, as preguntas, as indicacións, as sospeitas, os empeños galantes, as intrigas da noite, as esperanzas dalgúns, os receos de moitos, a desesperación de non poucos, o aburrimento ou a diversión de todos. Aquela detención forzosa, e a media hora que se tarda en acomoda-los abrigos, son o prólogo, a introducción e ás veces o primeiro capítulo do libro daquela noite. Cando nón se fai nel a exposición do drama, sábese ó menos os nomes dos interlocutores. 
A falanxe marcha aínda en masa; pero adoita recibir alí a orde ou medita-lo plan da batalla. O guirigai da festa, as manadas, as enxergas, os chicheos, as preguntas, as sorpresas, as gargalladas, as imprecacións, a marea de movementos, a tempestade de palabras comezan alí. Cada un estende os seus ollos cobizosos, e algo máis cós seus ollos algunha vez, cara ás catro ou seis persoas que o rodean e o oprimen. No alto da escaleira, a vista non ve, ni o oído oe, nin o corazón sente máis que aquilo que a tres pasos de alí o segue, o precede ou o mira. Os que están entrando xa e os que pisan os primeiros chanzos, son alí as xeracións pasadas e a posteridade. Xordo aínda o murmurio daquelas palabras, non hai chíos de tiple nin ronquidos de baixo que sobresaian; pero no afán de recoñecerse, os oídos son bastante perspicaces para recoller todo son que desentoe indiscreto naquel rumoreante e mal concertado sotto-voce. 

De Villahermosa á China
Nicomedes Pastor Díaz

Fotografías da Porta do Sol a mediados do século XIX.
Cadro de J. García y Ramos: Saída do baile de máscaras

Comentarios

Publicacións populares