Eu son...

Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesar do que lle aconteceu por causa miña.

No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doe o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos.

¡Que saben disto os nenos da vila!

Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre «cando está de Deus», como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rimos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Coma se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por iso escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou para a casa púxose a escribir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.

¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é para menos. Porque nel baleiro todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas: para dicir a verdade ou para arredarse dela.

Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Iso é o peor que lle pode suceder a un, pero a moita xente non se lle dá.




Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas


Ilustracións de Isaac Díaz Pardo



Comentarios

Publicacións populares