Vilas literarias: Quiroga
Ánxel Fole,
A Veiguiña, e Os Eidos de
Novoneyra
Cando o cronista vivía n’A Veiguiña, alá en terras quiroguesas, un xoven poeta fíxolle
unha visita. Sería polos chuviosos días do verán do ano cincuenta e dous. / O
cronista estaba escribindo nunha ampla galería que daba sobre un xardín. Oíase o murmurio do Quiroga que corría baixo unha mesta ramaxe de amieiros e freixos… /
Oímos uns pasos lentos e longos no corredor. Entrou un mozo alto e delgado de bigote. Era
Uxío Novoneyra, xa coñecido por
referencias amicais. E foi esta a primeira vez que o oímos recitar versos,
poemas seus. Recitábaos con voz grave e ton confidencial. Como se estivese
revelando un segredo. E estábao: o segredo da súa primeira poesía… / Non se
parecían aos poemas de ninguén. Instámolo a que os reunise nun libro e os
publicase. / Constituirían o núcleo do seu futuro e primeiro libro Os Eidos. /…
Falaba con tino e pausadamente. Falaba con distancia.
Suxerindo, revelando. Eu non estaba afeito a oír falar así… / Tan sosegadamente,
con tanto fondo de silencio, traendo
cada palabra a outra como chamándoa. Traéndoa, atraéndoa./ Falamos do Caurel,
por onde eu tiña andado varias veces. A súa charla daba a impresión xusta
daquelas bravas e apartadas terras. A impresión da súa paisaxe e da súa
soidade. / E cando marchou volveron resoar os seus pasos pausados e longos… / E
dixen para min en galego caurelao: “Chegará á casa aló pola seriña baixa”.
Ánxel
Fole: “Caminos de Galicia”. ( El Progreso/ Santos 1962).
Pintura: Casa da Veiguiña, de © Pura Tejelo
Pintura: Casa da Veiguiña, de © Pura Tejelo
Comentarios