Xamais, amor, te tiven tan pretiño

Xamais, amor, te tiven tan pretiño:
xa son feliz sentindo a fermosura
de debrocar en pingas a tenrura
sobre o teu corpo, canle pró aloumiño.

Xa son feliz á beira do camiño
alongando esta man deforme e dura
pra que ti ma careixes coa dondura
dunha pomba arrolándose no niño.

Xa son feliz ollándote sumisa
apousa-la cabeza no meu colo
cun aceno melgueiro na sorrisa.

Xa son feliz, amor: ¡sinto o consolo
de ver seiva froital ─serodia brisa─
inzándose todel coma un xermolo!

Nos eidos da bremanza 
Fiz Vergara Vilariño

Pinturas de © Brad Kunkle

Comentarios

Publicacións populares