Unha cantiga morta


Hai xa unha regular presa de anos, os mozos da Universidade de Compostela e os rapaces dos institutos de Galicia, sabían cantar a Cántiga das  Sete Irmás, que emprincipiaba diste xeito:

<<Ei Armórica, Cornubia e Cambria,
Escocia, Eirín, Galecia e a Illa de Man.
Son as sete nacións celtas...>>

Nas sete estiveron, dende logo, os celtas. En cinco delas consérvase algo das falas gaélicas ou britonas, mais denantes de que nada disto pasara, as sete eran xa irmás. Érano polo menos, dende o tempo das construciós megalíticas; dende os anos en que Ith e os seus Milesiáns embarcaron cara o norte; dende o día en que Creidne, o mercader de ouro, afogóu no mar.


Son ístas, historias vellas, pro nas que hai máis verdade que mentira, pois ninguén poderá negar que as inculturas galegas viaxaron por todos os fisterres atlánticos; que hai tipos de alfaias que se atopan soio en Galicia i en Armórica; e que unha lúnula irlandesa e dous pequenos discos da mesma procedencia, apareceron en Cabeceira de Bastos, na terra farta e ben precurada do Minho portugués. E ninguén poderá negar tampouco, que istes feitos non son máis que o comezo dunha longa serie de outros feitos análogos e concordantes.

As sete irmás con todas países terminaes, polos que Europa estivo asomada moitos milenios a un mar que entón non ía pra ningures; mais que durante moitos séculos os mantivo nunha relación sostenida, que non pode espricarse nin por causas económicas, nin por arelas imperiaes, nin por motivos políticos; e que, por forza, compre apór a un orixe común, ou a unha parentela espiritual.


Agora, como pasa nas familias, as sete irmás esparexéronse, e unhas forman parte dun estado, e outras doutro; e, a máis de esparexerse, esqueceron á mais nova, máis meridional e máis distante. A probe Galicia, ou millor a probe Galecia quedóu privada de axuda das súas curmás, e arrecantada nun curruncho como aquela nena do conto que, gracias a un zapato, chegóu a princesa.


Aquiles rapaces e aquiles mozos que, hai unha presa de anos, botaban ao ár a cántiga das sete irmás, tencionaban espertar as lembranzas esquecidas e restaurar en certo modo o mundo remoto dos fisterres atlánticos; mais viñeron os acontecementos, un após dos outros, e o estrondar de dúas guerras estinguíu a cántiga que xa ninguén canta.

Fálase no día, doutros temas, de escolas de arte que son "super", "post" ou "neo", por riba doutro nome coñecido; fálase de filosofías vellas, resucitadas ou reformadas; e fálase de universidade, nun senso no que semella que non se lembra de que o universo está feito de pezas ou de órganos. E imos andando, mentras ollamos cómo a nosa cultura, que naceu en Grecia, vai debecendo deica morrer calquera día un dancing ou nun cine.





1956

Prosas galegas
Florentino L. Cuevillas




Comentarios

Publicacións populares