Leva os aforros pro banco
Eu comprendo que xure o labrego
e maldiga o mal fado que o roe
esquecido de Deus e a Xusticia,
aburado por mil traidores;
nunha aldea perdida no mundo
isolado no medio do monte,
todo un ano traballa, traballa
pra vivir cheo de mágoas e dores.
O cacique, namentras, arranxa
do aldeano papés, pasaportes...
pra que emigre a lonxanos países
ben percuro de libras e dólares,
e os coitados dos vellos e vellas,
cando xa cos seus anos non poden
fican soios nas súas casoupas
a chorar porque os fillos non volven.
Bo negocio albiscaron os bancos
co traballo dos fillos dos probes
e os camiños abriron da Europa
pra que, escravos, pra iles aforren.
Non importa que a Patria non medre,
tanto ten que Galicia se escoñe;
máis proveito deparan que a industria
as divisas que mandan seus homes.
Non pensaches, emigrante ou labrego,
que ti mesmo buscáche-la morte
ó entregar ó banqueiro os teus cartos
que lle rentan o cento por nove?
Fan pantanos e granxas e esmorgas
cos diñeiros que chegan de lonxe,
longas veigas asalagan coa auga.
Se quers luz has pagar hasta os postes.
O seu gando dará beneficios.
Vendera-lo teu gando se podes.
eles viven en pazos na vila;
ti traballa pra que iles engorden.
Acción Galega (1977), Xerardo Moscoso
Canción composta por Xerardo Moscoso - R. López
Fotografías de © Antonio Vidal
Comentarios