Só de amor en outono
Un poema (fugaz coma un bico)
acairase de repicapaxaro
na tardiña de chuvia morna
e silente
¡congostra
fonda
e
sen
cabo!
Que teño o corazón ó relente noresío,
apoucado no peitoril da fiestra,
¡á lanqueta!,
ollando
enviso
a
marmañeira
caír.
Un reloxio vello (de péndola) creba o silencio,
marca cun lene tic tac os latexos meus
a contracompás das túas pegadas.......................ó lonxe.
¡Fermoso sería abrazarnos no camiño real,
ata senti-las pingas esvarándonos ósos
adentro.
igualciño ca unha música de fondo:
Bach e Mozart xunguidos á mesma man!
Paxaros cegos do serán,
xiran os soños
dentro da miña estancia soidosa,
(topenexan),
pois algo en min aletexa decote,
anque na paisaxe non se move unha folla triste.
Talvez te presinto esta tardiña de Outono
na que os meus ollos tristemente aparecen
ata as meniñas poboados de formigas marelas.
¿Presíntote ou non te presinto...?
Presentíate outrora
xunto ó vello muiño espiollado,
os pes e a alma bañando na Fonte da Cova garuleira.
Fiz Vergara Vilariño
Fotografías de Edwin Bower Hesser
Comentarios