Outonece


Un esplendor se borra
detrás do mar, de cote evanescendo.
Outonece en Galicia, paseniño.

É tempo de opulencias.
Un tempo de enxertadas elexías.
De amorosa colleita acugalada.

(Soñemos nestas luces.
Bebamos deste viño
con recendos de vida,
anque o fondo da copa sexa amargo).

Nesta hora redonda,
tornemos a postrarnos reverentes
e zuguemos nos cálices tenruras
de mostos doces e lustrais augas.

Outonece en Galicia. Polo mundo.
Nas mainas fontaíñas. Nos solpores...

Polas ondas do mar
balbórdase  enlevado un canturio.
Un delicado ulido de violetas.
Unha  man acenando pró infinito.





Desmemoriado río
Pura Vázquez


Fotografías de © Emilio Blanco "Milucho"

Comentarios

Publicacións populares