Capas

Blues For Allah (GDRecords) 1975
The Grateful Dead
Portada: pintura de Philip Garris

The Greateful Dead realizaron en 1975 un dos seus mellores álbums de estudio no cal a tendencia da banda a improvisar, algo habitual en directo, queda contido nun inspirado repertorio de 11 pezas onde os membros do grupo demostran a súa indiscutible calidade e disciplina como músicos e cantantes á hora de pecharse nun estudio de gravación. 

O elepé comeza cunha obertura que se desenvolve nas tres primeiras pezas: "Help On The Way", "Splinknot!" e "Franklin's Tower", representativas dun son proclive ao jazz de fusión que naqueles anos setenta tanta aceptación tivo. Nese sentido hai que destacar o traballo de Jerry García, Phil Lesh e Bob Weir, cuxas guitarras desenvolven fermosas pasaxes ascendentes e descendentes mediante un son limpo e robusto. 

Esa mesma dirección toman outras composicións como o instrumental "Stronger That Dirt Or Milkin' The Turkey", en que as guitarras ceden protagonismo ao teclado e percusións que afondan nesa veta jazzística que os Dead nunca abandonaron. Como tampouco deixou de lado influencias da música negroamericana: gospel, blues e soul, do cal se encontra bastante representación en "The Music Never Stopped", canción en que a voz de Donna Gochaux achega o feeling preciso para que non pase inadvertida ante tanta progresión instrumental. 

Do resto do repertorio hai que ter en conta ademais "King Solomon's Marbles", grazas ao entonado labor de Keith aos teclados, e o acústico "Sage & Spirit", así como o instrospectivo "Unusual Occurences In The Desert". Polo tanto, pódese afirmar que "Blues For Allah" recolle unha acertada colección de composicións que gañan despois de cada escoita.

Cancións: Help On The Way. Splinknot. Franklin's Tower. King Solomon's Marbles. Stronger That Dirt Or Milkin' The Turkey. The Music Never Stopped. Crazy Fingers. Sage & Spirit. Blues For Allah. Sand Castles & Glass Camels. Unusual Occurences In The Desert.

Músicos: Jerry García (guitarras e voz), Keith Godchaux (teclados e voz), Donna Godchaux (voz), Bill Kreutzmann (batería e percusión), Phil Lesh (baixo e voz), Bob Weir (guitarras e voz), Mikey Hart (percusión e crickets) e Steven Schuster (frauta).

Máis portadas: Fillmore West 1969: The Complete Reordings (2005), The Grateful Dead Movie Soundtrack (2006), Winterland 1973 (2008), To Terrapin: Hartford ' 77 (2009), Philadelphia, July 7, 1989 (2010),  Europe '72 Vol. 2 (2011), Spring 1990 (2012), Sunshine Daydream: Veneta, OR, August 27 th 1972 (2013), Wake Up To Find Out: Nassau Coliseum, Uniondale, NY, March 29 1990 (2014), San Francisco 1976 (2015), Shine Auditorium, Los Angeles, CA 11/10/1967 (2016), Smiling On A Cloudy Day (2017) e Portland Memorial Coliseum: Portland, OR, 19/5/74 (2018).


© Roque Soto Soto







Comentarios

Publicacións populares