FLOTANDO NO VENTO
Como un canto rodado
(Flotando no vento)
like a complete unknown,
like a rolling stone?
Bob Dylan, “Like a rolling stone”
the answer is blowin' in the wind
Bob Dylan, “Blowin' in the wind”
e a todos os estudantes asasinados
polo franquismo dende 1936
Esquecín os nomes de todos os reis godos,
os máis de cen símbolos químicos
da táboa periódica dos elementos perigosos,
os dezanove modos válidos do siloxismo inútil,
os principios fundamentais do movemento inmóbil,
apenas me lembro do principio de Arquímedes
ou do teorema de Pitágoras
cando o poder nos ocupa desaloxando
aos libres hipotenusa arriba,
mais non esquecín nunca
os solidarios nomes estudantes
de Carlos González Martínez
e Arturo Ruiz García simplemente,
suspendidos a tiros para sempre
no Madrid en transición á nada,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Esquecín o título de todos os cadros
dos artistas de cámara e de corte,
pero non o que poñía a pintada
que non puido terminar baleado
Francisco Javier Verdejo Lucas
cal poema escrito contra un muro
de Almería candealmente inconcluso,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Esquecín o referendo que aprobou
a reconversión do franquismo
dende dentro da caverna,
pero non que ese mesmo día
foi reprimida en Madrid a disidencia
de Ángel Almazán Luna, morto
a golpes de uniformado poste,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Esquecín a nomenclatura das néboas
e o nivel de humidade dos aerosois,
pero aínda me fai chorar o fume do bote
policial que matou a María Luz Nájera
manifestándose sen antes repasar
o exame de meteoroloxía fascista
con risco de precipitación de gases,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Esquecín antes o nome das illas
canarias que o dos canarios
Bartolomé García Lorenzo
e Javier Fernández Quesada
ou o das provincias vasconavarras
que o de Javier Escalada Navaridas
e José Luis Aristizabal Lasa,
pero nunca que os mataron nelas;
por iso digo os nomes e os lugares
que os fan un a un revivir únicos
como en min cada un deles segue sendo,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Esquecín as armas e os uniformes
dos sanguinarios lacaios da Ditadura,
pero nin por un momento arrebolado
a Enrique Ruano voando dende a fiestra
mentres comía sirenas e bebía bengalas
como todos aqueles alumnos de esperanza
que xa eran profesores de futuro,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Que absurdo non ter morto con vós,
poetas sen rima e sen medida,
eu que puiden ser calquera
se o azar non quixese
que escribise este poema,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.
Acaso eles foron os verdadeiros poetas
do meu tempo, para sempre
flotando na nosa memoria,
como cantos rodados,
onde o fascio nunca tivo dominio.
A muller sinfonía
Claudio Rodríguez Fer
Comentarios