Quenlla de estampas


Os cromos están relacionados cunha etapa  indisolublemente unida á nenez de varias xeracións. Naquel estadio da vida, moitos de nós comprabamos sobres que contiñan a sorpresa da estampa que non tiñamos ou o  fastido por tela repetida. Bo, esta última sempre se podía cambiar ou xogar nas cheas con algún coñecido. Cando o álbum estaba case cheo era o peor momento pois os cromos que faltaban sempre eran difíciles de conseguir. Quen vivía en Madrid, aínda tiñamos a oportunidade de ir o domingo pola mañá ao Rastro. Naquel lugar, nunha ampla praza, estaban os gurús máis representativos do coleccionismo, entre eles os dos cromos, cuxa maxia  encadilaba a millóns de nenos e nenas, tamén adolescentes e novas, así como unha nutrida cantidade de xente madura. Se había sorte, por fin completábase unha colección, algo complicado pero non imposible. 

O outro día atopei gardados varios álbums, deles só había tres completos, e moitos cromos soltos de todos os tamaños e asuntos, proba estes últimos das moitas coleccións que quedaron polo camiño, mesmo sen álbum, porque daquela tamén había un ánimo consumista e se  comproban sobres de cromos que sabiamos que non iamos completar. 


Futbolistas, ciclistas, artistas de cinema, personaxes dos debuxos animados no seu estado natural que non en branco e negro, uniformes militares, razas humanas, animais, automóbiles antigos e modernos feitos históricos, fotogramas de películas a todo cor e outros moitos asuntos. Todo servía para ilustrar os cromos, aínda que ás veces incluíanse fotografías interesantes sobre todo cando se trataba de filmes de recente estrea.

Ás veces soño que me faltan algúns cromos para encher un álbum. Entón, cando esperto o amolo desaparece, pero non lembro que colección era. Quizais son todas, e así veñan moitos anos despois por non seguilas e non prestarlles a atención que si tiveron outras que foron completadas.

Comentarios

Publicacións populares