Arzach
(segundo deseños de Moebius)
Despois as águas foran desecadas;
o mar fixo-se fronda de entrelazo,
espuma verde, ramos con argazo:
as terras todas mortas, calcinadas.
E devagar, en leves cavalgadas
do arcabouzo da ave, polo espazo,
vas procurando a torre daquel pazo,
onde a espreitache muitas madrugadas.
Dás en entrar. A dona, xa despida,
olla de costas para o mar vacio,
entanguida frente ao desvalimento.
"Vira-lle o corpo para ver-lle a vida..."
Na cara cega a língua é como rio
morto, ao que denegriu un pensamento.
E partias no alento
de Alguén que che dá vida,
que mora nunha cámara escondida
e fala en ti, para sempre vadio.
Lembranza do areal
Xavier R. Baixeras
Ilustracións de © Moebius
Comentarios