Letras Galegas 2018
Os paxaros tecían os seus niños entre as espiñas das roseiras e só os máis medoñentos, que sempre houbo agachábanos entre as tellas. Por riba os tellados ó se vía torre da igrexa, o fume das chemineas e mais as nubes, que ás veces pasaban voando cara ao norte, ás veces volvían -cansiñas- cara ao sur e ás veces adormecían riba da aldea.
Cando as nubes durmían era cando se regaban as veigas. Porque as nubes sonche coma as rapazas pequenas, que cando están durmidiñas, mexan por elas. Por iso cando as nubes dormen comeza a chover e non para até que chega o sol e as esperta. Entón teñen moita vergoña e foxen polos camiños do ceo até que chegan aos montes e alí paran.
Neste mundo que che digo o máis importante era vivir en liberdade. Vivían as flores e os paxariños. As mazás e as formigas. As herbas e mais as vacas. E ás flores, aos paxariños, ás mazás, ás formigas, ás herbas e mais ás vacas gustáballes tanto a choiva coma o sol.
O Cataventos
Texto de María Victoria Moreno
Ilustracións de Lara Torres Rodríguez
Urco Editora
Santiago de Compostela (2016)
Comentarios