Ginevri Dei Benci

A forma estática do rostro desmente a eternidade
Espella o seu contorno a fondura da paisaxe
coa água estagnada do azul imediato.
O movimento das ondas abana unha lembranza
do seu cabelo; a limpa fronte, o xesto
comprendido na perfeición dos límites.
Como fose esa árbore que acolle a tempestade
así cando nos mira entre a cor do arrebol
e a douzura das fontes.
Ela, que amou Bembo un tempo claro,
arrefece agora nos seus ollos coa paixón
do verso: ese oficio sombrizo que nos entrega á morte.
Demorada no perfume do xenxibre
aparece contida nesta luz. A virtude 
decora a forma daquel nome
e non regresará
a sombra esparxida que nasce dos seus beizos.

O corpo e as sombras
Eusebio Lorenzo Baleirón (1962 - 1986)

Pintura Ginevra dei Benci, de Leonardo da Vinci 



Comentarios

Publicacións populares