Capas
Violent Femmes (Slash Records). O trío de Milwake, Violent Femmes, comezaba en 1982 a súa andaina musical a nivel discográfico co elepé homónimo que co paso do tempo se convertería nun dos mellores da década dos oitenta. Os tres vintaneiros do estado de Wisconsin preferían os instrumentos acústicos para apoiar textos entre tolos, divertidos e irreverentes, principalmente compostos por Gordon Gano, quen comunicaba a furia da mocidade antisistema nunha onda folk-punk.
Algunhas das pezas do disco demostran as influencias do punk-rock auténtico “Blister In the Sun”, anque outras, como “To The Kill” evidenciaban que o legado da Velvet Underground calara en os membros de Violent Femmes, que entraba na senda dos grupos independentes que anos despois acadarían o seu apoxeo. As dez cancións deste primeiro disco conforman un mosaico que demostra a furia de tres músicos novos dispostos a seguir buscando máis alá dos tópicos en que caera o rock acomodado.
Despois da súa excelente estrea, o trío continuará a súa andaina como unha das formacións máis respectadas en América e Europa nas últimas décadas do século pasado. A carauta do disco inclúe unha obra de Ron Hugo.
Cancións: “Blister in the Sun”, “Kiss Off”, “Please Do Not Go”, “Add It Up”, “Confessions”, “Prove My Love”, “Promise”, “To The Kill”, “Gone Daddy Gone” e “Good Feeling”.
Músicos: Victor de Lorenzo (batería, drums (snare), brass brum, tranceaphone e voz), Gordon Gano (guitarra, violín e voz) e Brian Ritchie (guitarra acústica, guitarra eléctrica, xilofón, slide whistle, jaw harp e voz). Mark VanHecke (piano).
Outras portadas: Hallowed Ground (1984), The Blind Leading the Nacked (1986), 3 (1988), Why Do Birds Sing? (1991), New Times (1994), Rock!!!!! (1995), Freak Magnet (2000) e We Can Do Anything (2016)
Fotografía © Paul Natkin/WireImage
|
Comentarios