Unha muller que se parece a Romy Schneider
Nunca soubemos
como chegara pra xonta nós
nin de onde viña.
Apareceu de súpeto
a compartir as nosas tardes de café con leite e
metafísica a seis reás,
e sentouse algún tempo á nosa mesa.
Nunca soubemos dela moita cousa:
que era do interior,
que nun tiña familia na cidade,
que lia Schopenhauer e máis Pedro Salinas,
que bebía coñá cando chovía.
Asi encheu aquel inverno,
unida á nosa teima de falar
da inxusticia social e máis da acción,
abstraccións culturais,
fútiles teorías do amor tiradas dalgún libro de ensaio
e nunca debidamente contrastadas coa práctica.
Era doce,
e romatou por sere pra cadequén,
segredamente,
algo máis que un costume,
anque nunca soubemos
como chegara pra xonta nós
nin de onde viña,
nin tampouco porque
un certo dia
desapareceu.
Xoán-Manuel Casado
Comentarios