O pasado

Quenes quer o esquecemento,
afogar os recordos,
que tamén nos esquezan.
Tampouco acorden o noso nome,
esto ou aquelo,
unha anécdota calquera,
a lembranza da amistade,
o berro común do pasado.
Guinde noso nome
á preta cova dos mortos
que eles queren olvidar.
Boten noso apelido
sílaba a sílaba,
letra por letra,
tras a cerca do caveiro común.
Alancen entre isas cinzas
a bandeira que un día erguemos xuntos,
as pantasmas de aqueles mortos
que esquecéndoos voltan a matar.
De calquer xeito,
aínda así,
tampouco podrán esquecer esta segunda morte.
Alguén, sen arrepiarse,
coidadoso de honrar ós mortos,
non sabemos quen,
con seguranza aínda non nacido,
fará memoria.
Herdará no seu sangue o recordo
e ofrecerá
nos petos das ánimas
un novo amor a libertade.
Nós acordaremos sempre,
aínda dende a fosa,
no caveiro,
en Santa Compaña pol-os camiños
despois de moitas vegadas mortos.


As cicatrices
Luís Seoane

Pinturas de Vicente Vela

Comentarios

Publicacións populares