FERRERÍA DA RODELA



Vilas literarias: Quiroga

Ferrería da Rodela ou de Queiroga



Situación

Parroquia do Hospital. Unha pista terrea que sae da estrada de Quiroga á Cruz do Outeiro, Vilarbacú, Visuña, etc., remata na mesma ferreiría. Paisaxe de grande beleza, en particular pola exhuberante vexetación autóctona que medra nas orelas do río Quiroga, afluente do Sil. Ás veces figura coa denominación de "Queiroga", por quedar preto desta vila.

Historia

Como outras varias da zona, os seus fundadores foron os monxes de Samos. Descoñecemos a data de construcción, pero o abade José de Laguna (1685-1689) gañou preito que o mosteiro tiña pendente sobre a facenda e ferrería de Queiroga, polo que xa existía na segunda metade do século XVII. Anos depois, tiveron que soster outro preito, esta vez co crego da parroquia de Fisteus, por facer unha presa no río que lle afectaba ó funcionamento da ferrería. Nesta época era abade Vicente Marín (1757-1761).

No Catastro de La Ensenada (1753) figura despois da de Quintá: "La otra que llaman de la Rodela propria del Real Monasterio de Samos distante de la referida (a de Quintá) como dos tiros de vala que asimismo trabaja con el Agua de dho. Río Quiroga y que por la misma causal de no ttener agua pa. más de seis meses solo fabrica hierro otros ciento y veinte días Naturales que a razón de otros cinco quintales y medio en cada uno se persuaden fabrica en el tiempo referido otros seiszientos y sesenta quintales y asimismo conduse pa. dha. fábrica la Bena de el Mineral referido de Formigeiros".



Como queda dito, pertencía ós bieitos, polo que o encargado de administrarla era un monxe, que, ás veces, levaba o título de prior da ferreiría. Segundo os Estados de Cuentas, estes foron os beneficios que lles proporcionou dende 1777 a 1824:

Cuadrienio                         Reás
1777-81............................42.000
1781-85............................36.000
1818-21............................14.000
1821-24............................13.202

Por estas cantidades dedúcese que a producción baixou dende 1777 ata 1824.
Cornide Saavedra di que labraba sobre 700 quintais de ferro ó ano. A comezos do século XIX beneficiaba exclusivamente vea de Formigueiros.

Esta ferrería -igual que as demáis de propiedade monástica-, coa desamortización pasou a poder de particulares que a segueron explotando. Foi vendida en 1839, por 620.500 reás. No 1874 non traballou máis de dous meses por carecer de carbón, fundindo sobre 450 Qm de vea de Formigueiros, que deron 150 de ferro (pouco más dun 33%, porcentaxe normal para todas estas factorías). Deu traballo a cinco operarios na fundición e a 25 no carboneo. Seguía activa dous anos máis tarde, beneficiando mineral de Roque e de Formigueiros. Poco despois deixou de ser fundición, converténdose nunha forxa normal, na que se estiraba ferro para ferramentas, apeiros, cravos, etc.



Descripción 

Antes de chegar á ferrería pásase por debaixo dun arco pacego, que comunica unha antiga casona coa súa capela. Pouco treito despois está o complexo siderúrxico. O primeiro que chama a atención é a magnífica casa. Leva abandonada máis de viente anos, polo que xa hai partes ruinosas, pero aínda así non perdeu o aire de grandeza e nobreza herdado doutros tempos. De par, formando parte das cortes e demáis construccións adxectivas, queda a capela, tamén en estado ruinoso.

Pola parte de abaixo do camiño, mesmo fronte á casa, atópase a ferrería, da que resta en bo estado o banzado, e do demáis só os muros, agás unha pequena parte que foi acondicionada para central hidroeléctrica. Durante varios anos proporcionou luz a Quiroga, San Clodio e a varias das parroquias do arredor.

Unha vella ponte de madeira situada fronte ó banzado comunica as dúas orelas do río, agora de augas cincentas, por mor de baixar das pizarreiras de Pacios da Serra.

A producción tradicional do ferro en Galicia
As grandes ferrerías da provincia de Lugo
Clodio González Pérez
Servicio de Publicacións
Deputación Provincial de Lugo
1994

Fotografía: © Clodio González Pérez
Debuxos: © J. Pena

Nota: O abandono da ferrería da Rodela denunciado hai 25 anos no libro do que se recolle o capítulo sobre a forxa quiroguesa, segue na actualidade. Proba desa situación e o artigo publicado polo diario La Voz de Galicia titulado A Rodela, una ferrería monumental caída en el olvido. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/agro/2016/11/20/rodela-ferreria-monumental-caida-olvido/0003_201611M20C4991.htm






Comentarios

Publicacións populares