Noites de agosto

Sagradas noites da agosto
tépedas noites de vran,
benditas irmáns queridas
daqueloutras de San Xoán.

Sabrosas que sodes, noites,
cheas de palla e de grán
que pasades voandeiras
polas rúas do lugar,
ántros aturuxos dos mozos
e os fortes ladros dun can!

Sagradas noites de Agosto:
Que de veces un cantar
oín da boca sin dentes
dunha vella sepulcral
que daba voltas ó fuso
recuada no portal,
mentras se oían as falas
dos rapaces, no pallar.
i olíase o doce arume
das máquenas de mallar!


Noites divinas de Agosto
santa alegría do val,
frescura da terra ardente,
irmáns do ceo e do mar...

Soaves e santas noites
de estreliñas e luar;
noites de declaraciós
que ninguén pode escoitar,
porque o amor voa en silencio
no medio da escuridá.
igual que o lixeiro arume
das máquenas de mallar!

Divinas noites de Agosto,
vida, amor, felicidá;
ceo cargado de estrelas
airas cubertas de pan...

Sagradas noites de Agosto
deixádeme vos lembar:
pois, anque estamos no inverno,
eu sinto arelas de amar.
e de beber os prefumes
das noites craras do vran!...




Follas verdes (1934)
Xosé María Díaz Castro

Pinturas de Van Gogh

Comentarios

Publicacións populares