A ronda das medas
...
Da baruda Galiza centeeira
Florece no San Xoan ca graza loira
Das medas ledas. As contestes rodas
Dand'o o pé hastra o curuto arredondean
Podentes e tranquios, a colleita
Nos ben compostos mollos ordeada.
Sinxelas, graves, ledas, a fartura
Das agras e o regosto panteista
Amado dos labregos cando compran
Co étnico anceio unha laboura artista
Grava na forma gasalleira e forte
De dona, de montana, de torreiro.
Teñen maestá de souto, e d'ourizontes
O redopio espallado. As suas abas
Semellan os bariles erguementos
Das montanas da terra que nos lonxes
Puidas do sol e o vento de lus calma
Parecen fabricadas. En parexas
As ricas medas do fogar petrucio
Presiden a xuntanza dos medonchos
E das albelas medas mais cativas
Pro todas, na irmandade labradoras
Viven e xuntan os afiados ventres
E pra todas o sol bate acotío
Dando a espiga e a palla o ton dourado
Que amansa os ouros vellos do pan quente
O druida, grande poeta dos segretos
Podentes da paisaxe, ben sabía
As horas en que as medas teñen fala
Pois toda cousa -fonte, pedra, souto-
Ten no armoñoso decorrer do mundo
Un intre en que libera sua esenza
Da fera lei que ás cousas agrillóa.
...
Xeórxicas do pan
Ramón Otero Pedrayo
Comentarios