Caeu na sombra unha estrela
Caeu na sombra unha estrela.
-Oh, miña irmá, miña irmá!-
Fixénlle unha coviña
no mármore do luar.
Miña irmá, morta estreliña!...
--Oh, miña irmá, miña irmá!-
Tiña frío, tiña medo
alí, soliña, ao luar.
Tiña medo, tiña frío
-Oh, miña irmá, miña irmá!-
Veu a neve a darlle un beixo
na sua tumba de luar.
Para aquecer as suas cinsas
-Oh, miña irmá, miña irmá!-
meu corazón, sol en flor,
desfolleino no luar.
I-estes versos de ternura
-Oh, miña irá, miña irmá!-
son beixos en lapa viva
no mármore do luar.
Aquilino Iglesia Alvariño
Pinturas de Edvard Munch
Comentarios