Capas de libros deseñadas 
por Daniel Gil 
para unha exposición

Lembro a primeira vez vez que me atopei cun libro ilustrado polo deseñador Daniel Gil, de quen inclúo unha nova entrada neste blogue. Era comezos da década de 1970 e, como noutras ocasións acudín á Casa do Libro de Madrid, situada na Gran Vía, daquelas rúa José Antonio. 

Dentro do establecemento producíronme curiosidade os mobles que recollían as edicións de peto. Por unha banda a coñecida colección de Austral, de Espasa Calpe, dona entón da citada e céntrica librería. Dunha das baldas escollín un pequeno tomo de cor verde (ensaios e filosofía), en concreto un estudo sobre literatura española do século XIX.

Da outra parte, provocoume unha agradábel curiosidade as rechamantes portadas dos libros de peto de Alianza Editorial, dos cales saquei da súa verticalidade unha pequena antoloxía de poesía de Pedro Salinas. 

A partir de entón, sempre que ía á Casa do Libro, a primeira visita era para os libros de peto de Alianza, tanto polo seu contido como polo continente sobre todo polas portadas feitas por Daniel Gil.

De cando en vez, en calquera lugar, procuro entrar en librerías de vello onde espero atopar algún libro cuxa portada se adorne coa indiscutible arte do mencionado deseñador que volve outra vez a este espazo.






































Comentarios

Publicacións populares