FESTAS DE SAN MARTIÑO 1977
Vilas literarias: Quiroga
En 1977 un grupo de mozos de Quiroga, o Jose, o Xulio da Praza e máis eu, decidimos organizar a festa de San Martiño e darlle un aire diferente e relacionado coa nosa cultura. Para recadar fondos, ademais das tradicionais rifas, fixemos varios calendarios con debuxos de Castelao. Eu aínda conservo estes dous. Montamos un posto de libros galegos que nos cedeu a librería Xistral de Manuel María. Creo que nos quedabamos co 20%. Se mal non recordo vendimos bastantes libros e calendarios.
Organizamos un magosto e, como non andabamos ben de cartos, tivemos que apañar nós as castañas. Para os cativos, un concurso de pintura no chan e pola tarde un festival folk.
Actuou un grupo, do que neste momento non lembro o nome (Treboada?), e dous cantautores, Xosé Manuel de Lugo e Antón Valcarce de Monforte. Ambos cantaron en galego temas que, para aquela época, eran moi revolucionarios. Antón Valcarce xa actuara nun festival de París, tiña colaborado como guitarrista en varias gravacións de Georges Moustaki. En 1975 gañou festival da canción de O Grove co tema “Aínda que comamos pan de centeo”. En maio de 1976 participou en representación da nova canción galega no Sadler´s Wells Theatre de Londres. En París viviu unha curiosa anécdota con Joan Baez, como relata nunha entrevista.
Ó pouco tempo tivemos que cumplir coa mili e despois saír fóra a buscarnos a vida. E aí rematou a nosa actividade como “ramistas”, que como sabedes ven de ramo, o que lle entregaba a anterior comisión á nova. Cando entramos nós xa se perdera esa tradición.
Que eu lembre este foi o primeiro e único festival destas características que se celebrou en Quiroga.
Manuel R. Crespo
Comentarios