XXII
Xa calou a mareira alporizada
de torrentes e ondas.
Todo vai de calado nesta galaxia miña.
Vagabundeo nas senlleiras dornas,
gamelas e gabarras, por bahías
cheas de lúas redondas.
Lévanme os algodóns da inxente nebra
deica dos arcoiris das soedades lóbregas.
Quero subir escadas e caír nas remotas
leiras dos trigos a durmir en leitos
de trébos e mapoulas.
Ingrávida de afáns, non son noitébrega.
Son a dona do soño. Das músicas eólicas.
Dóbrome nunha gris racha de sámagos.
Nos zunidos das albas e as congostras.
Non hai faros á vista para guiarme.
Só o mar. Só as sombras.
E ese peso de séculos que as espaldas me dobra.
Esa lucenza, lámpada ou estrela
que racha os días nas lonxanas lombas,
abre as ánforas case rebordadas
das mágoas que me abondan.
Man que escribiu no mar
Pura Vázquez
Imaxes ® Roque Soto Soto
Comentarios