O pescador de baleas brancas

Se eu fora mariñeiro de Corme ou de Caión
ninguén me poñería o pé de diante, non.

Tiña de ser pescador de brancas baleas
e de corazóns mouros.

Cando marease de cara a Islandia,
levaría arpón de bágoas fi rentes
e de salaios que partían
cordas de versos tristes
e raba de sinos doídos.

E, daquela, as baleas brancas, pombas do mar,
arredor da miña torre de almasí, meu campanario
de outos doores,
pregarían inquedas por ser nocidas
polas miñas artes sensitivas,
e levadas a remolque das angurias
pra os mares febrescentes,
onde amarrara os meus adivales de canzóns…
Que non somentes eu arregálome co amarguexo,
nin os homes tan só arregostan das penas!

E, en chegando ao bon porto co albo cargamento,
Terían de berrar as mozas, onde mudas e mortas,
E os afogados todos do meu bairro:

-“Vinde ver, que volve rico de mourenzas,
quen apoñou alburas o noso amigo,
con nós coroado de medos e néboas
no longo cabadelo”.

E chegaría, daquela, os espantos todos,
feitos e rechamantes,
recachadas as vestes e ceibes os sospiros,
non perdidos salseiros
da súa vida derramada.

E faría con eles unha Santa Compaña
de fachas alcesas co óleo das baleas
ledas de que se queimar nos meus anseios,
e por sempre vagando areeiros adiante.

Seu eu fose mariñeiro de Corme e de Caión,
Ninguén me poñería o pé de diante, non!...

Seitura
Fermín Bouza Brey


Pinturas de Andy Thomas e Sam Rock


Comentarios

Publicacións populares