Abedoeiras

Pastoriñas dos montes, nas caivancas,
ó longo dos regatos e nas veigas.

Nelas se esperta o vento do mencer
e espéllase o ouro nelas no solpór.
En nebra enmaruxadas, á mañá
choran bágoas sin ollos, case estrelas,
sobre a i-auga do río inda dormido.

E estremélase toda na ribeira
a súa carne de neve verdegada.

O verde das súas follas, ouro agora,
vaise despindo ó vento dos menceres.
Encoiriñas na noite, tremelantes,
son coma lúas vivas xunta ás fontes
e ó longo dos regatos de auga nova.

A súa carniña é lisa coma a seda
ou neve nova en álbore callada.

Entre elas, non amantes, irmaus foscos,
negros, barudos, laídos ameneiros,
empáranas á tarde na súa sombra.

Elas todas de luz e aire a penas,
orfiñas, nas caivancas, pol-os montes,
soñan con noites brancas de nevada
e coas lúas amigas de xaneiro.


Cómaros verdes (1947)
Aquilino Iglesia Alvariño

Fotografía de ® Emilio Blanco

Comentarios

Publicacións populares