Ninguén me dixera que a pena
se vivía co medo.
C.C. Lewis
Oín pasar un tren cando marchaches
e sentín a evocación das viaxes longas,
co nariz aplastado contra os vidros
do Orient Express ou da Union Pacific.
Quizais fora un engano de fuxida
que a mente me xogou, ou un arcano da viaxe
consustancial ó misterio da tristura.
Sen nada que poñernos, sorprendeunos o pranto
que foi creando lagos a alma principal.
Non somos invisibles -pensei con decepción-
e amenceron rostros e telegramas azuis...
Non houbo nin penumbras onde poder perdernos
nin pasadizos máxicos polos que respirar,
e estivemos expostos ós ventos dominantes,
como estructuras vellas enchidas de buratos,
cicatrices que a penas puidemos resgardar.
Non sei se misturaron alleos con estraños,
mutantes que alimentan os seus chips con traxedias,
armados de afiados coitelos verde xade
cos que abren, coma pinzas, os sulcos das feridas
para ver no interior sen esforza-los ollos...
Volveu a pasar un tren abrindo a noite
igual que un vagalume aceso de nostalxia,
e chiflou tras dos lonxanos piñeirais
deixándome comesto das lembranzas.
Balsaín blues
Domingo Tabuyo
Fotografías de ® Jason Cary y ® Michael Da Costa
Comentarios