Orballo da media noite
Orballo…
Como vai caíndo
sen velo,
sen sentilo,
lento,
como o vestigio platónico das horas,
como o tempo.
Orballo da media noite
sobre a terra endormiñada.
(A media noite da vida
cega polo afán de tódolos soles).
A luz doente,
lisiada na máis pura orige,
enferma de si mesma,
escondeuse entres as sombras.
Sol feito orballo,
caladiño,
secretamente
vai caíndo,
a borrar a lembranza da luz
e voltar de novo a alumear o mundo.
Orballo…
na noite silente, profunda, érguese
o ímpeto esotérico das cousas
e rega, con inéditos afáns,
os sucos virginais dos misterios telúricos.
No ar expectante, con púber ardencia,
miríades de ións espreguizanse
en pulo dinámico.
Na terra os xermes, en brama de nupcia, agítanse
con universal balbordo de energía,
de virtudes prolíficas aínda ignoradas,
de forzas prístinas,
de supernos degoiros.
Surte do abisal arcano,
no anhélito do elan biológico forjando a idea,
unha original morfología,
un novo senso,
unha nova luz e un novo ritmo.
Noite chea, encinta.
O instinto cósmico
ensaia nova vida.
Roberto Blanco Torres
Acuarelas de ® Isabell Seidel
Comentarios