Contos entre a lareira e a cociña de ferro


O lobo e a ovella 

Na corte de encima da Portaxe no lugar de Sequeiros vivían unha ovella e un año que cando o tempo lles permitía marchaban a pacer á Pena dos Castros.

Unha vez na serra, desde onde coa vista dominábase o val, o año, entre bocado e bocado de herba, dicía: -Nai, vai a vir o lobo.

-Contestáballe a ovella: non filliño; pacica, pacica, que mañá choverá ou nevará, ou sabe Deus o que fará.

Mais o lobo, que era pillabán, andaba escondido entre as xestas rinchando os dentes pois pensaba xa no tenro almorzo que se presentaba se collía ao año. Era tal a súa lideira que, cando non o podían ver, achegábase a unhas rochas para afiar os cabeiros. 

A inquietude dá  besta carniceira levouno a presentarse cara a nai e ou  seu fillo. Coa astucia dos da súa especie, falou:

-Bo día, comadre.

-Moi boas, compadre.

-Que o trae por aquí?

-Téñolle moita fame, e quero ao seu fillo para comelo.

-Ben, pero ten que facer o que lle eu ordene. Ten que dar tres voltas ao redor daquel penedo.

As ovellas aproveitaron as carreiras do lobo para escapar cara ao seu cortello na aldea á beira do río Sil.

Corre que te corre, chegaron á porta do seu chabolo; berraron con ledicia: me-me-mé. De seguido o año abriu o cancelo co fociño, a súa nai coas patas traseiras cerrouno. 

O lobo chegou ao pouco, metía o fociño por debaixo do cancelo, e dixo:

-Desde que son lobo loubán, nunca levei unha grande carreira en van.

A ovella, pola súa banda, sentenciou:

 -Desde que son ovella camuza, nunca levei tan grande escaramuza.

O año engadiu:

-Desde que son año borrego, nunca levei tanto medo. 



Comentarios

Publicacións populares