Romance dos vinte anos
¡Vinte anos…! Foron vinte
as doridas badaladas
que no relox da Existenza
espallaron as campanas.
Tremeu toda a honesta torre
da miña vida pasada.
Un bando novo de pombas
feito de ensonos de nacra
veu mergullar a pruma
na miña fonte Castalia
e na aresta mais esquiva
da torre nunca escalada
a bandeira do Desexo
despreguizou suas azas.
¡Vinte anos! ¡Leda edade!
¡Inda se soña cas fadas!
Temos todos unha noiva:
a estreliña da esperanza.
Ri para nós a Natureza
con líricas gargalladas;
e pregan por nól-as nais;
e nos unxen as rapazas
ca dozura dos seus bicos
e co mimo das suas bágoas.
Alcenden pra nós mais mundos
as noitiñas estreladas…
¡cada luceiro un diamante
e cada estrela unha lámpara
para ver millor os carreiros
de camiño pras fiadas!
¡Vinte anos…! Cando cruxan
as trabes da miña casa
co rudo empuxe do vento
dos anos e a treboada
da Vida; cando xa teña
croa de guedallas brancas,
¡quero que fuxa a mamoria,
que non veñan os pantasmas
do tempo ido a cravarme
o coitelo das lembrazas!
¡Vinte anos…! ¡Foron vinte
as doridas baaladas
que no relox da Existenza
espallaron as campanas!
Outros poemas (1921)
Fermín Bouza-Brey
Fermín Bouza-Brey
Comentarios