FERNANDO ESTÉVEZ E A FASCINACIÓN POLO CLARINETE

    Vilas literarias: Quiroga


Fernando Estévez e a fascinación polo clarinete

X. Pérez Mondelo

Fernando Estévez é un delicado clarinetista e concertista quirogués, o último elo dunha estirpe de músicos quirogueses que funde as súas raíces no pasado século, o derradeiro gromo dunha fértil tradición que cómpre re-coñecer. Un mestre de clarinete, percusión e gaita, inquedo e entregado, á procura de novos horizontes vitais e profesionais, unha vez rematados os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Canda el, hai unha Quiroga viva que pide expresarse e non esmorecer baixo o peso institucional nin abrigarse á súa sombra. Unha Quiroga que devagar vai descubrindo o seu valiosísimo patrimonio  material e inmaterial. E un deses tesouros agochados, cabo do etnográfico, literario, fotográfico ou medioambiental, ten a ver co seu pasado musical e o seu rico presente.

A tradición musical do val e da montaña, de toda a súa contorna, desde que temos noticia, desde finais do S. XIX até os nosos días, é merecente de non ficar no olvido, de ser divulgada e aprezada, tanto no referente ao seus rexistros cultos como aos populares, desde os instrumentistas máis virtuosos até aqueles músicos invidentes ou mendicantes que ao longo dos séculos, chegados por todos os camiños, aledaron a vida da xente, tan necesitada de horas de lecer.

Nada tiñan que ver os músicos doutro tempo, a aprenderen uns dos outros á calor das lareiras ou ao coidado da facenda na soidade das serras, sen referentes educacionais, cos novos músicos dos nosos días, con acceso a unha educación formal especializada, formados en asociacións culturais diversas, escolas de música municipais de prestixio e conservatorios de alta esixencia.

Cómo non recordar a Felisa Vidal Nogueira, a gaiteira de Bendilló; aos Celtas de Paradaseca e a Carlos Rodríguez, folclorista, gaiteiro, clarinetista e saxofonista, o seu líder e mestre; ao señor Francisco Aristondo, o Pata de Pao, de Parada de Lor; a Manuel Rodríguez, O Toxo, de Ribas do Sil; aos queridísimos gaiteiros de Caspedro e Torbeo, o Penelo e o Terratrás; ao Lelo e o Mingos, os Gaiteiros dos Novais... Por non falar de Os Padernes, os admirados instrumentistas, que por sí sós abranguen todo un século de músicas.

Tivemos que agardar até os días predemocráticos, cando os rapaces novos de San Clodio e San Martiño, deron en crear, disconfirmes, populares grupos de música moderna, de tendencia pop e folk, como os míticos Los Truenos, Os Ecos do Sil e Brigancia, e mesmo organizar festivais musicais inesquecibles ás beiras do río e nos prados da veiga (o noso particular Woodstock, con grupos musicais chegados de fóra, portugueses e italianos, como os piamonteses La ciapa rusa), festivais organizados por Emilio Gómez Guntiñas, Milucho do Fluxento, músico pioneiro e alma mater das músicas do val, e dos que son debedores hoxe os nenos e nenas dese auténtico conservatorio musical que é a Escola de música infantil, a Banda de Gaitas e  a Banda de Música Folk de San Clodio, que con tanta dedicación e perseverancia dirixe Roberto Castro, así como os músicos quirogueses de O Recanto, continuadores daquela recordada formación de Os Novos da Ermida, ou as actuais agrupacións de Danza e Gaita de rapaces de San Martiño. E, como referentes para moitos deles, unha xeración de intérpretes e investigadores da nosa música popular da talla dos musicólogos Xosé Luís Foxo, director da Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e de Emilio Estévez, profesor de acordeón, gaita e percusión da Escola Municipal de Música de Monforte, no ronsel do folclorista Carlos Rodríguez de Paradaseca que, desde Nova York, confeccionou o primeiro Cancioneiro de Música Galega adaptado para gaita e canto.

E así, con estes predecesores, chegamos ao noso tempo, no que as figuras de Samuel e Vítor Soto, bouzoukista e zanfonista, residentes en Vigo, están á vangarda da execución e pedagoxía de cadanseu instrumento, participando nas máis creativas formacións musicais de Galicia, ao igual que o cantautor e pedagogo Manuel R. Crespo, tamén residente na cidade viguesa, e Xavier Castro, Xaviño, avogado e músico, que foi concellal en tempos en Quiroga, onde nos seus anos estudiantís formou, canda outros compañeiros do instituto, o grupo de rock Fai Tun Flai e que posteriormente foi cofundador de Nao, sendo actualmente a voz de Raiba, a súa nova banda. E canda todos eles, a presencia do ribasilense Xosé Trincado Rodríguez, Triqui, exmembro de Brigancia e Limiar e prestixioso técnico de son de diferentes grupos galegos, entre os que destaca Milladoiro, cos que traballou durante anos. Sen esquecer a Emilio Blanco, magnífico fotógrafo da natureza, que foi batería do grupo Fase, de músicos de Quiroga e San Clodio.

Desa estirpe é Fernando Estévez, o talentoso clarinetista do que estamos desde un principio a falar. El é un bon exemplo desa Quiroga viva e formada, que busca novas formas de se expresar nun novo tempo musical e cultural. O concertista xa naceu con mestres na casa, un conservatorio doméstico no que seu pai, Emilio Estévez Núñez e súa nai  Marina Rodríguez Vázquez foron os seus primeiros profesores. Seu pai, un destacado acordeonista, gaiteiro e percusionista, e súa nai, fundadora e durante anos directora da Banda de Gaitas de Bóveda, onde lle ensinou a dar os primeiros pasos neste instrumento. Desde o berce, o seu fillo inmerso nun ámbito familiar fondamente musical.

No ano 2000 F. Estévez comeza os seus estudos de clarinete no Conservatorio Municipal de Monforte co profesor Fernando Sanmartino, un período no que se integra na Banda de Música da vila lemava. E, no 2011, dará un salto trascendental na súa formación ao acceder á especialidade de clarinete no Conservatorio Superior de Música de Vigo, despois dunhas esixentes probas de acceso. Remata os seus estudos de clarinete con matrícula de honra, no ano 2016, baixo a tutela do profesor Asterio Leiva, á parte de recibir durante a súa estadia no Conservatorio leccións de distintos profesores de clarinete do panorama internacional.

A maiores, no ano 2015, Fernando Estévez, accede á especialidade de Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia (IMTP), centrándose nos estudos de gaita, entre outros instrumentos do eido tradicional no propio Conservatorio Superior de Vigo. Como remate desta nova especialidade de gaita, titularase cun traballo de fin de carreira sobre a vida e a obra do músico quirogués Carlos Rodríguez, alma dos Celtas de Paradaseca, co título de: "De Paradaseca a Nova York. Legado artístico de Carlos Rodríguez", seguido da interpretación dunha esixente peza para gaita.

Actualmente, exerce a súa profesión docente, como profesor de clarinete na Escola de Música municipal de Barbadás, o mesmo labor que desenvolvera na Escola Municipal de Pobra de Brollón durante nove anos, desde o 2011 até o ano 2020, sendo tamén director da Coral da vila, e asimesmo  da Coral de Viladauga de Laias durante dous anos e da Coral Candea de Viana do Bolo, na que segue exercendo a dirección.

Á parte da música de concerto, o xoven clarinetista quirogués, participa en distintos proxectos de música moderna e tradicional. É membro do grupo Los jinetes del Trópico, de música tropical con instrumentos da tradición galega e con letras na nosa lingua. Unha formación de música bailable e desenfadada, con grandes doses de humor, na que salienta a súa contribución como compositor e arreglista, así como a súa faceta de cantante.

No tocante a música tradicional forma parte de Nadia Vázquez Trío, un grupo no que toca a percusión e o clarinete e aporta tamén a súa voz, acompañando xunto ao  acordeonista Martiño Malleiro, á magnífica gaiteira Nadia Vázquez.

E, nesta súa fértil traxectoria musical hai que salientar por último a creación xunta seu pai, Emilio Estevez, do cuarteto de gaitas Alecrín, co que actuaron por toda Galicia e Asturias, ao tempo que desenvolvía a súa etapa formativa.

Toda unha vida dedicada á música, malia ser un interprete aínda ben novo,  un clarinetista, gaiteiro e percusionista, que non cesa na súa formación, agora inmerso en proxectos musicais propios que verán a luz nos vindeiros anos e que agardamos impacientes. Un músico entregado ao seu oficio e á súa paixón, un quirogués do que sentirnos orgullosos. E obrigados. 


Fotografías Fernando Estévez, Los jinetes del Trópico, Nadia Vázquez Trío e Arquivo.

Comentarios

Publicacións populares