PAISAXE EN ROCHA VIVA

 

Paisaxe de pedra


O ceo sempre núo,
os longos cabelos da erba na montaña,
os carballos,vivos de amor na serán

non expresan máis que dondas formas verdes,
follas de azas de estrelas no regueiro,
pra gardar millor o misterio da vida.

Mais pra nós, eiquí, no valen
moles ensonos nin verdecentes bágoas.
Eiquí quen queira trovará a dura vontade
de Deus dando mostra e sede doutra vida,
os longos dedos de granito apretuxando
iste pobo antergo contra o ceo grisento.

Pra nós que endexamais deprenderemos
a falar a linguaxe das bágoas,
ollamos a nosa terra núa, de pedra, 
con ispidas rochas color de corpo novo,
cumes marelas de profondo fogo deitadas
no chán contra o paxaro inmóvil do ceo.
Chorar por perder o niño amante,
por arrincar da i-alma a razón de vivir.
chorar pola liberdade non é nada,
é millor resistir e loitar con ún mesmo,
facerse de arestas duras onde rompan os ventos.

Ista é terra forte e viva.
Dende que nascéu topou o peito aberto
pra o mensaxe de amor que anceia polos camiños.

Da raiz do seu ser de pedra
rubirá en sangue de luz
pra madurecer polos corpos novos da raza.

Paisaxe en rocha viva
Sempre
Eduardo Moreiras
Portada e debuxos de Muñoz Lorente

Comentarios

Publicacións populares