TRIQUI TRINCADO: A ARTE E A TÉCNICA DO SON

San Clodio de Ribas de Sil e Quiroga: vilas musicais

Xosé Pérez Mondelo

Todo comezou en Brigancia. Xosé Trincado Rodríguez, Triqui, é un produto saído da inagotable factoría musical de Ribas de Sil, estando considerado hoxe como un dos técnicos de son máis recoñecidos de Galicia.

Mais, parémonos nese primeiro chanzo da súa traxectoria musical. Seguindo o ronsel de Ekos e Limiar, as formacións musicais de San Clodio e Salcedo de Brollón, respectivamente, na segunda metade dos anos oitenta un grupo de nenos da vila ribasilense guiados por Emilio Gómez Guntiñas, membro dos dous grupos citados, nun proceso de aprendizaxe aberta e compartida, deciden formar o grupo Brigancia, unha das formacións máis atraíntes da música galega do seu tempo. Acompañaban a Triqui, guitarra, a súa irmá Beatriz na frauta e a gaita, Roberto Castro ao violín e guitarra e o propio Emilio co baixo. Unha formación base á que máis adiante se unirían Eliseo González Armesto aos teclados e Alberte Gonzalez González, batería e voz, procedentes de Limiar. Agora xa estaba completa a formación, que había despregar todo o seu talento polos distintos escenarios do país, deixando en todos eles o pouso do seu son, as pegadas da súa singular proposta creativa.


A partir de agora Triqui Trincado comezaría a voar só. E quen mellor para contar esa viaxe que o propio viaxeiro?

Eis o seu relato:

"Despois da aventura de Brigancia marchei estudar técnico de son a Madrid. Despois marchei traballar a Barcelona onde comecei nunha empresa de aluguer de equipos. De aí pasei a traballar nun proxecto de Fura dels Baus chamado Krab.

Ao rematar este proxecto voltei de novo a Madrid, nesta ocasión a traballar en diversos estudios de gravación: Red Led, Monte Príncipe, Torresonido... Nesa época apareceu Xosé Manuel Budiño e para el gravei os seus dous primeiros traballos, Paralaia e Arredor, ao tempo que fun o seu técnico de directo durante uns catro anos.

A raíz de certas desavinzas entre os músicos da banda e mais eu montamos Laio, grupo no que eu era produtor musical, programador e técnico de gravación e directos. Deste grupo saiu un disco chamado Luneda e dúas xiras polo Canadá. Trala disolución do grupo, no 2004, decidínme a montar o meu propio estudio, polo que pasaron infinidade de grupos e artistas de todo tipo como Marful, Guadi Galego, Germán Díaz, Milladoiro e unha longa lista.

Como curiosidade, engadir que o primeiro disco que saíu do meu estudio, no 2005, co título de Sinaa, foi o dunha cantante inuit, Tanya Tagaq, que acadou cinco premios en Canadá, incluído o de mellor enxeñeiro de son.


No ano 2007 montei unha empresa con Alberto Casas, técnico de iluminación de Milladoiro naquela época, que chegou a ser das primeiras de Galicia. Chegou a facer eventos como o festival de Ortigueira, as festas da Ascensión de Santiago, o Marisquiño de Vigo e as festas de María Pita. Tamén chegou a sonorizar artistas como Diana Krall, Elvis Costello, Julio Iglesias, Los Secretos, Macaco, Morcheeba, Santiago Auserón, Juliette Davis e outros grandes músicos. E no campo do estudio de gravación teño traballado con xente como Donald Shaw, de Capercaille, Jacky Molard e ata fixen un disco con Ramoncín.



Paralelamente seguín como técnico de directo de diversos grupos galegos, Son de Seu, Marful, Davide Salvado, Talabarte... ata que no ano 2008 comecei de técnico de son de Milladoiro, cos que estiven traballando en directo durante doce anos, incluíndo a gravación do seu último disco, Atlántico. 

Como instrumentista nunca volvín exercer en público, fun evolucionando no ámbito privado do meu estudio e actualmente estou compoñendo para un espectáculo de danza, circo e ilusionismo, que de momento está en proceso de produción".

E "la nave va". A aventura continúa. Aos mandos do seu estudio Triqui Trincado segue sulcando mares, abrindo camiños, á procura de novos horizontes. 


Capas dalgúns dos discos nos que participou Triqui como enxeñeiro de son




Fotografías: procedentes do arquivo de Xosé Trincado Rodríguez, Triqui

Comentarios

old neil dixo…
Moi agradecido, non creo merecelo; para mín a miña profesión é recompensa dabondo....graciñas (Xosé Trincado)
ManuelRcrespo dixo…
Moi interesante artigo. Descubrindo o bo traballo dun veciño de San Clodio que moitos descoñeciamos.