XAVIER R. SOTUELA: un canto esperanzado

X. Pérez Mondelo

Ás beiras do Sil, un río que discorre parello á súa vida, vive Xavier Rodríguez Sotuela, cantautor, educador e debuxante. A súa casa de San Pedro de Ribas de Sil sempre aberta a quen chame á súa porta, como abertas estiveron sempre as súas mans e a súa palabra aos seus concidadáns, pois se algo define a súa fértil existencia é o seu espírito hospitalario e fraternal.

Pasar con el unhas horas de conversa é revivir a historia contemporánea do noso país e, en concreto, as loitas democráticas pola recuperación das liberdades e a xustiza social desde os anos sesenta até hoxe, primeiro durante a súa estancia como sacerdote na conca mineira do Sil, no Bierzo e Laciana, e logo en Cataluña, xa libre do seu compromiso pastoral, onde exerceu de deliñante, primeiramente, nun estudo de arquitectura e logo como educador nun centro de acollida de rapaces. Función esta, a de educador, que, no amplo sentido da palabra, estimamos que nunca deixou de exercer, tanto durante o seu labor dentro da igrexa como no ámbito civil, e que conforma un dos piares esenciais da súa personalidade, quizais o que máis profundamente o define.

Para Xavier a educación e a cultura son as chaves do progreso e o crecemento persoal e social: "a única  forma de ser libres é coa sabiduría. A ignorancia é enemiga da liberdade". Un pensamento que sempre foi o norte da súa vida.

A vida de Xavier está moi vencellada aos camiños de ferro.

A súa familia, de estirpe ferroviaria, emigrara a Ponferrada, mais como era costume daquela, á hora de dar a luz súa nai regresou á casa natal de San Pedro, onde Xavier R. Sotuela naceu en pleno período republicano, no ano 1933. Mais, axiña voltou a familia á capital berciana, lugar onde o noso protagonista pasou a súa infancia e cursou os estudos primarios e de secundaria, estes no Instituto Gil y Carrasco, o histórico centro educativo ponferradino. Unha institución e un ambiente abertos e estimulantes intelectualmente que marcaron os seus anos de adolescencia, do mesmo xeito que o habían marcar as súas estancias estivais en Ribas do Sil, unha vila cunha longa memoria cívica. Desde sempre, Galicia e o Bierzo alimentando o seu carácter inquedo, a súa ansia reformadora... E o  Sil, como un espello, a acompañar decote as súas ensoñacións nese ir e vir de viaxes incesantes cabo dos seus.

Chegados os quince anos vaise producir un cambio radical na súa vida ao ingresar no Seminario de Astorga, quizais levado polo seu afán de servizo e de procura dunha verdade transcendente, imperiosa nun momento de adolescencia e preguntas. O conflito entre o ambiente laico e solidario da cidade mineira e ferroviaria e o instituto ponferradino, en contraste cos muros e as inconsistencias educativas e doutrinais do seminario astorgano, cunha pedagoxía rexida por un frío vixiar e castigar, van levar a Xavier R. Sotuela a un fondo desasosego, a un inconformismo só paliado polo convivio ledo cos compañeiros, cos que desenvolveu unha intensa actividade teatral, e polas horas de lecer como futbolista do equipo de seminaristas, onde exercía de defensa central de raza.

Un defensa infranqueable que tamén defendeu as cores do histórico C.F. de San Clodio, nos períodos vacacionais nos que regresaba á Ribas do Sil. Un tempo no que ademais iniciou unha actividade musical pioneira no val, tocando o harmonio nun grupo coral que creara na década dos anos cincuenta cunhas rapaciñas, en San Clodio e Quiroga, algunhas delas cunha excelente voz. O fútbol, o teatro e a música, tres artes moi presentes nas súas andainas mozas.

Sotuela, 2º dereita -abaixo-, co equipo de San Clodio. Agosto de 1955.

Será en Astorga, entre os muros de silencio do Seminario, onde se vai reencontrar cun amigo do 
instituto, cunha alma xemelga, o seu compañeiro de quimeras e cancións, José Álvarez de Paz, unha amizade que se ha manter ao longo das súas vidas. Un compromiso que levaría posteriormente a J. Álvarez de Paz a ocupar un escano de deputado no Congreso e no Parlamento europeo.

Mais, anteriormente, en plena longa noite de pedra franquista, agora xa ordenados sacerdotes, os dous amigos han cumprir unha gran labor pastoral e social unha vez que entran en contacto coas dolorosas condicións dos traballadores das minas da conca do Sil e Laciana, onde Xavier vai exercer en distintas localidades, fundamentalmente en Matarrosa del Sil, onde chegaría no ano 1961 e onde permanecería até o ano 1972.

Unha etapa da súa vida na que viviría momentos de fortes presións, mais tamén de profundas satisfaccións, sempre respectado e respaldado polas xentes de Matarrosa e de toda a conca. Unha entrega aos seus veciños que permanece moi viva na memoria das xentes bercianas

Xavier R. Sotuela e J. Álvarez de Paz, así como outros xóvenes sacerdotes do momento, como Francisco Beltrán ou Miguel Rubio, procedían das organizacións de base cristiás HOAC e JOC, vencelladas ao incipiente movemento sindical berciano e mesmo formadoras e impulsoras dos seus novos responsables. 

Á guitarra (dereita) co seu compañeiro José Álvarez de Paz.

Neste contexto de traballo comunitario e de solidariedade cos traballadores, sempre desde a óptica dun fondo compromiso evanxélico, vai dar comezo a súa andaina musical, unha longa vida de cantautor, que o levará a actuar por distintos escenarios da xeografía española, en principio en compañía de Álvarez de Paz, e despois en solitario polos centros da emigración de diversos países europeos. Unha paixón, a de compositor e cantante, que segue cultivando até o día de hoxe, sempre disposto a acudir a onde o reclamen para unha causa necesaria. 

"A música salvoume a vida naqueles anos difíciles de Matarrosa, abríndome a novos horizontes. Voltando a vista atrás, penso que fun afortunado porque pasei temporadas moi malas e nunca me faltou a pedra no zapato, pero rodeeime sempre de boa xente. Procurei actuar en conciencia, facer o que debía facer. E na vida iso é o que en definitiva importa: ter seguido unha liña de conduta e ser consecuente, cousa que agora non se practica como debería. A coherencia hoxe é unha palabra sen moito valor".

Discos gravados como Javier na década de 1970.

A súa primeira canción "Libertad" foi a súa resposta ante a negativa a participar nos enganosos referendum franquistas dos anos sesenta. Unha canción á que seguirían outros títulos definitorios da súa traxectoria musical como "Ya vienen los segadores" ou "Y por eso lo mataron", esta última quizais a máxima expresión do seu canto e da súa sensibilidade social. Aínda hoxe, unha canción plena de vixencia: unha homenaxe dolorosa a todos aqueles que sacrificaron a súa vida por un mundo xusto e libre. E á par destes títulos tan evocadores, outras cancións significativas na súa lingua, de carácter máis popular e intimista, como "Miña terra, miña terra" e "Cando marchei da miña aldea".

Debuxo do pazo da Costa feito por Sotuela.

Xunto á súa faceta de cantautor, non podemos pasar por alto a súa outra vertente creativa: a de debuxante. Non hai recanto que non teña recreado nas súas obras á plumilla: ríos, pontes, pincheiras, muíños, torres, ermidas, pazos... uns traballos de grande meticulosidade e perfección, merecentes dunha publicación ou exposición pública. Unha obra gráfica da que xa se editou unha primeira entrega: "Lembranzas a plumilla".

Cuns compañeiros do centro de acollida Els Limoners.

Nunha nova etapa da súa vida, despois dunha breve estadía no País Vasco, Xavier R. Sotuela vaise trasladar a Cataluña no ano 1973, onde casará e formará a súa familia, unha vez conseguida a secularización un ano despois. En Barcelona desenvolverá a súa carreira como deliñante e se reencontrará coa súa inclinación educadora, agora como membro do Centro de acollida Els Limoners, onde pasará, rodeado de excelentes compañeiros, os últimos anos da súa vida laboral, sen esquecer nunca a súa dimensión de trobador con actuacións en diversas asociacións de base catalás. Uns concertos singulares na medida en que, unha vez rematada a actuación, os aplausos substituíanse por coloquios sobre os temas máis vivos da realidade política, social ou cultural do momento.

Coa familia do seu curmán, o atleta, adestrador e presentador, Bernardino Lombao Sotuela, natural de San Clodio.

Agora Xavier R. Sotuela regresa cada período estival desde Cataluña a San Pedro, como desde neno facía desde o Bierzo, fiel ás paisaxes e ás xentes do val que o viu nacer. E entre nós segue: cantando, debuxando, conversando, recibindo a atención dos seus veciños e as visitas frecuentes de tantos amigos que a vida lle foi deparando, procedentes de distintos puntos do país. En definitiva, gozando do "dolce far niente", acollido a ese "dereito á preguiza" que tamén reivindica, mais atento ao devir incerto do mundo, ás súas eivas e desigualdades crecentes. Esperanzado e leal aos seus ideais. Crítico e cálido, en diálogo sereno consigo mesmo e cos seus iguais. En San Pedro de Ribas do Sil, a carón das serras e do río da súa infancia. Ese refuxio.

Obrigados, Xavier.


Debuxo da casa de Sotuela en San Pedro.


 

Primeira foto: ©X. Pérez Mondelo
As restantes imaxes, capas de discos e debuxos foron cedidos por Xavier Rodríguez Sotuela.

Comentarios

Unknown dixo…
El compromiso de Javier con las personas fue de transformación de realidades vulnerables,potenciando al ser humano como pensante y consciente.Para ello se dedicó desde diferentes ámbitos:propagando su mensaje con la música,acercando la cultura ,y empatizando con los vulnerables.Su coherencia,su humanidad y su integridad;fueron sus signos de reconocimiento y de presentación ante los demás.Creo que este buen artículo le hace justicia ,al igual que el narrador merece ser reconocido por el mismo.
Jose Coello




X. Pérez Mondelo dixo…
Estimado José: gracias por tu certero y preciso comentario. Es un honor haber conocido a un hombre tan cordial y comprometido como Javier: uno de esos regalos con que la vida, a veces y sin esperarlo, nos sorprende.
Unha aperta.

Publicacións populares